Thursday 02 de May de 2024

A Xunta convoca os premios á cooperación e o certame cooperativismo no ensino para impulsar os valores desta fórmula económica en Galicia


― O Goberno galego premiará con 5.000 euros á entidade que mellor represente os valores cooperativos, ao mellor proxecto novo e á traxectoria dunha cooperativa

― O certame escolar está aberto á participación de centros de infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

― Destinaranse en ambas as dúas convocatorias un total de 43.000 euros en premios

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) cadansúas convocatorias para este ano dos Premios á Cooperación e do certame de Cooperativismo no Ensino, dúas iniciativas coas que recoñecer o esforzo das cooperativas galegas e difundir e promover os valores desta fórmula de economía social entre a poboación escolar galega.

Os Premios á Cooperación, dotados con 15.000 euros, teñen como finalidade impulsar e apoiar o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as entidades veñen realizando a favor do desenvolvemento destas iniciativas na comunidade galega.
Poden optar a estes galardóns todas as cooperativas galegas que teñan destacado polo seu traballo. Será requisito necesario, entre outros, que estean ao día das súas obrigas rexistrais e non ter sido recoñecidas en edicións anteriores.

As modalidades da convocatoria son tres: premio aos valores cooperativos, ao mellor proxecto cooperativo novo e á traxectoria cooperativa. Cada un destes galardóns está dotado con 5.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o venres 21 de xaneiro e rematará o próximo 29 de abril.
Máis polo miúdo, o premio aos valores cooperativos outorgarase á entidade que máis teña destacado no impulso dos valores e principios cooperativos como a xestión democrática; a educación, formación e información; cooperación entre cooperativas; interese pola comunidade; axuda mutua, responsabilidade ou equidade, entre outros.

Na categoría de mellor cooperativa nova, recoñecerase a unha entidade cunha antigüidade igual ou menor a 42 meses (tres anos e medio) e que destaque polas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

O galardón á mellor traxectoria diríxese a cooperativas con máis de 42 meses de antigüidade, e que teña resaltado pola súa contribución no ámbito económico e social.

Certame escolar
Tamén hoxe convócase no DOG o certame de Cooperativismo no Ensino, que ten por obxectivo difundir e promover o cooperativismo e os seus valores entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

As rapazas e rapaces poden presentar os seus traballos en tres diferentes modalidades: 1ª, actividades artísticas (para educación infantil, primaria e educación especial), 2ª, actividades cooperativizadas (para educación secundaria obrigatoria e educación especial) e 3ª, proxectos empresariais cooperativos (para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial).

O certame conta cunha dotación económica de 28.000 euros que se destinarán aos premios nas diferentes categorías. O prazo para presentar os proxectos tamén abrirase o 21 de xaneiro e rematará o 29 de abril.

Unha das novidades deste ano consiste en que o mellor traballo da modalidade de proxecto empresarial, ademais dun galardón económico poderá pasar a formar parte dos eventuais programas de emprendemento na economía social que desenvolva a Xunta de Galicia no futuro.